A Deputación de Pontevedra aprobou unha achega de 80.000 euros para o Concello de Pazos de Borbén co obxectivo de repavimentar os camiños de Torrente e Cubelos. Estes fondos proceden do Plan +Provincia, que este ano achega ao concello un total de 835.000 euros, sumando os 490.000 euros correspondentes a 2026 e un adianto de máis de 340.000 euros da liña de investimentos de 2027.
A actuación no camiño de Torrente, na parroquia de Nespereira, conta cun orzamento de 30.000 euros. O obxectivo é rehabilitar esta vía, que presenta un estado degradado con fochas e vexetación nas xuntas. Os traballos incluirán a roza de taludes, a preparación da rasante mediante escarificado do firme existente, a instalación de dous sumidoiros para a recollida de pluviais, a pavimentación dunha superficie duns 310 m2 e o recrecido de tres pozos de rexistro para adaptalos á nova cota.
Pola súa banda, o camiño de Cubelos, na parroquia de Santiago de Borbén, recibirá 52.000 euros para a súa repavimentación debido ao seu mal estado actual. As obras abranguerán dous tramos cunha lonxitude total de 356 metros e comprenderán actuacións previas como a limpeza e roza das marxes e beiravías, o corte de pavimento, o fresado do firme e a posterior reposición da sinalización.




