A clasificación, publicada o pasado 7 de outubro, avalía tanto o impacto da actividade científica recente como a repercusión acumulada ao longo de toda a traxectoria investigadora. O IIM-CSIC destaca pola súa proxección internacional e a contribución dos seus profesionais ao avance do coñecemento científico.
Na modalidade baseada na actividade científica correspondente ao ano 2025, figuran Santiago Aubourg, Antonio Figueras Huerta, Graham J. Pierce, Beatriz Novoa García, Xosé Antòn Vázquez Álvarez, Fiz Fernández Pérez e Cristina B. Pita. Na clasificación que considera o impacto científico ao longo de toda a carreira investigadora aparecen Graham J. Pierce, Beatriz Novoa García, Ricardo Prego Reboredo, Santiago Aubourg, Antonio Figueras Huerta, Eric Desmond Barton, Xosé Antón Vázquez Àlvarez e Isabel Medina Méndez.
Estes resultados non só subliñan o recoñecemento individual, senón tamén o potencial científico do Instituto e o traballo dos seus grupos de investigación, equipos multidisciplinares e profesionais de distintos ámbitos. A excelencia do IIM-CSIC constrúese coa contribución de investigadores, grupos, persoal técnico e de xestión.
A presenza de dez integrantes do Instituto neste ranking pon de manifesto a fortaleza dunha comunidade científica que traballa desde Vigo, en colaboración con equipos nacionais e internacionais, para abordar retos relacionados co medio mariño. Supón un impulso para seguir fortalecendo as súas capacidades e promover a formación de novas xeracións de investigadores.




