A investigación céntrase en microalgas que forman floracións algales nocivas (FAN), comúns na zona e con potencial impacto na saúde pública e na actividade marisqueira. Entre as especies estudadas atópanse Alexandrium minutum, Dinophysis acuminata e Pseudo-nitzschia spp., responsables da produción de toxinas paralizantes (PSP), diarreicas (DSP) e amnésicas (AMP), respectivamente.
O traballo empregou observacións de alta resolución vertical, utilizando un ‘Muestreador de Escala Fina’ deseñado no IFREMER. Este sistema permite recoller quince mostras simultaneamente a intervalos de vinte centímetros, preservando a distribución natural do fitoplancto. Esta tecnoloxía facilitou a detección de estruturas oceánicas e agregacións de organismos que adoitan pasar desapercibidos nos programas de seguimento convencionais, que recollen mostras a intervalos de varios metros.
Os resultados do estudo permitiron detallar o microhábitat específico de cada especie. Mentres que D. acuminata e Pseudo-nitzschia spp. están ligadas á dinámica de circulación do afloramento costeiro e á formación de termoclinas, A. minutum prolifera en zonas resgardadas ou ‘sombras de afloramento’, especialmente despois de fortes choivas primaverais e a formación dunha capa superficial cálida e de baixa salinidade.
“"A descrición da micro-estrutura vertical da columna de auga e a formación de múltiples microhábitats separados por unhas decenas de centímetros é clave para comprender a coexistencia de especies de fitoplancto con diferentes adaptacións para o aproveitamento de recursos comúns."
Este estudo proporciona unha base científica fundamental para mellorar os sistemas de alerta temperá e a xestión dos peches preventivos da actividade marisqueira. Ao identificar con maior precisión as condicións que favorecen cada tipo de floración, refórzase a importancia de integrar escalas múltiples —temporais, espaciais e funcionais— no estudo do fitoplancto, con énfase nas estratexias adaptativas e interaccións físico-biolóxicas das especies que representan un risco natural significativo para a explotación sostible dos recursos mariños nas Rías Baixas.




