A iniciativa, organizada pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, Innoheroica, o Club Peña Saltasebes Chantada e o Concello de Chantada, busca visibilizar ás persoas maiores como referentes activos e combater o edadismo.
A Universidade de Vigo, a través do seu Grupo de Investigación sobre Lonxevidade e Envellecemento (Long-Aging) con sede no campus de Ourense, colabora no evento, reforzando o seu compromiso coa investigación e a transferencia de coñecemento para a promoción dun envellecemento saudable.
O profesor José María Faílde, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría e responsable do grupo Long-Aging, explicou as características das olimpíadas á vicerreitora do campus de Ourense, Montserrat Cruz, quen destacou o compromiso da universidade co fomento do envellecemento activo, incluíndo o Programa Universitario de Maiores.
Baixo o lema "Todas as persoas contan, todas as idades suman", a xornada combinará actividades deportivas, cognitivas e culturais, co obxectivo de fomentar o encontro entre xeracións e construír unha sociedade máis inclusiva.
O programa inclúe probas de resistencia, velocidade e forza, competicións de xadrez e dominó, charlas sobre envellecemento saudable e unha camiñada pola Ribeira Sacra.




