Os interesados en aproveitar esta oferta poderán mercar os seus billetes ata o vindeiro 27 de abril. A promoción inclúe voos desde os aeroportos galegos da Coruña e Vigo cara ao arquipélago canario.
Para os pasaxeiros que partan da Coruña, as tarifas comezan nos 80 euros por traxecto, sempre que se adquira un billete de ida e volta. A compañía opera cinco frecuencias semanais desde o aeroporto coruñés: os mércores, venres e domingos con escala en Gran Canaria, e os martes e sábados vía Tenerife.
No caso de Vigo, a oferta arranca nos 95 euros por traxecto, tamén suxeita á compra de ida e volta. Desde a cidade olívica, Binter mantén unha operativa de 13 frecuencias semanais coas Illas Canarias, con voos diarios a Tenerife e conexións con Gran Canaria todos os días agás os sábados.
A aeroliña destacou nun comunicado que mantén a gratuidade dos voos en conexión dentro do arquipélago, o que permite aos pasaxeiros galegos chegar, polo mesmo prezo, a calquera illa de Canarias.
Ademais, os clientes de Binter teñen á súa disposición produtos adicionais como ‘Discover’, un servizo de escala para visitar dúas illas na mesma viaxe, ou o ‘AirPass Explorer’, deseñado para realizar múltiples saltos entre as diferentes illas do arquipélago.




