O evento, organizado polo Concello de Baiona coa colaboración da Agencia de Turismo de Galicia, consolídase como un espazo de encontro ao redor do Camiño de Santiago ao seu paso pola vila, onde a música, a tradición, o patrimonio e a creatividade serán protagonistas.
A programación arrincará o venres 11 de setembro na Praza do Concello ás 22:00h co concerto de Brañas Folk, con Xavier Blanco e Pancho Álvarez.
O sábado 12 de setembro comezará no Concello coa presentación do libro “O Xeito de Polo” ás 12:00h. Seguirá o concerto presentación do 6º disco “1943-2026” do grupo Airiños do Parque de Castrelos ás 13:00h na Praza do Concello. A xornada nocturna finalizará co concerto presentación do segundo disco de The Crass, con Polo como artista invitado, tamén na Praza do Concello ás 22:00h.
Wenceslao Cabezas, coñecido como Polo, suma máis de medio século dedicado á ensinanza do baile galego e mantén unha forte vinculación con Baiona, onde impartiu clases durante 17 anos, deixando unha pegada na defensa da danza e música tradicional.
O domingo 13 de setembro, o festival pecharase na Praza do Concello ás 19:00h co espectáculo “COMISIÓN DE FIESTAS” de Brais das Hortas, unha proposta de música, humor e clown infantil.
Este novo espectáculo mestura música, clown e teatro, transformando o escenario nunha praza de festa coa participación do público. Inclúe pezas como "Calambrassso no Braso", "Tarde Piaches" cunha gaivota con autotune, e "Peito Lobo", ademais doutras cancións e momentos musicais como unha charanga de capachos ou un home orquestra nunha carretilla.
Todas as actividades son gratuítas e deseñadas para atraer tanto ao público local como aos visitantes e peregrinos, reafirmando o Festival Peregrino como unha cita cultural que combina tradición e modernidade, e que consolida a Baiona como destino cultural de referencia.
Ademais, dentro do festival desenvolverase “Arte no Camiño”, un obradoiro para crear ao redor da experiencia peregrina.




