Co inicio dun novo curso académico, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo pon en marcha a súa oferta de actividades culturais, que inclúe a aula permanente de música tradicional e o obradoiro de baile tradicional Como bailar nun serán. Ambas as iniciativas abren nestes días os seus períodos de matrícula, con prazas reservadas tanto para a comunidade universitaria como para o público xeral.
A aula de música tradicional conta cun primeiro prazo de inscrición para a comunidade universitaria os días 8 e 9 de setembro, con dez prazas reservadas. As 30 restantes ofertaranse nun segundo prazo, do xoves 10 ao luns 14, aberto a toda a cidadanía. As clases desenvolveranse as tardes dos martes na Escola de Enxeñaría Forestal.
Pola súa banda, o obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego reserva dez prazas para a comunidade universitaria entre o luns 14 e o mércores 16 de setembro. Do 18 ao 28 de setembro abrirase a matrícula para as 30 prazas restantes e as vacantes, dirixido ao público xeral. As clases terán lugar as tardes dos xoves.
En ambos casos, trátase do primeiro bloque de actividades, que se estenderá durante o primeiro cuadrimestre. Abrirase un novo período de inscrición en febreiro para o segundo bloque. As dúas actividades contan con 40 prazas por bloque e un prezo de matrícula de 40 euros, con descontos para a comunidade universitaria e outros colectivos vinculados á UVigo. As inscricións realízanse a través da ferramenta Campus Activo.
A aula de música tradicional, dirixida por Marina Fernández Vigo, gaiteira de Sondeseu e Os Melidaos, busca achegarse á música tradicional cun enfoque lúdico e dotar aos participantes de habilidades interpretativas e coñecementos teóricos e culturais. A iniciativa prevé diferentes niveis e especialidades como a gaita ou a percusión tradicional, ademais de práctica en conxunto para futuras actuacións.
O obradoiro de baile tradicional, baixo a dirección de Montse Rivera, mestra de pandeireta, canto e baile, ofrecerá iniciación e continuación. Os participantes aprenderán pasos de muiñeira, xota, pasodobre e valse, co obxectivo de participar en foliadas e realizar exercicio físico aeróbico. Tamén se afondará na historia dos bailes tradicionais galegos.




