O luxo e a exclusividade do Gran Premio de Mónaco tiveron este ano un marcado acento vigués. As mediáticas irmás Kim e Khloé Kardashian elixiron o megaiate 'Naia', construído en Vigo polo histórico estaleiro Freire, para seguir de preto unha das probas máis emblemáticas da Fórmula 1.
Dende a embarcación, atracada no exclusivo contorno do principado, as celebridades gozaron do ambiente da competición e de todas as comodidades que ofrece este espectacular buque de recreo.
O 'Naia' destaca polas súas impresionantes dimensións e polas súas instalacións que o converten nunha auténtica residencia flotante de luxo. A embarcación conta con 70 metros de eslora e dispón de media ducia de camarotes para invitados, ademais de aloxamento para 22 tripulantes. Entre os seus equipamentos destacan unha piscina, xacuzzi, spa, ximnasio e unha sala de cine privado.
A estancia máis exclusiva do barco é a súa mastersuite, situada na cuberta e deseñada para ocupar toda a manga da embarcación.
A presenza das Kardashian a bordo do iate non pasou desapercibida nas redes sociais. As irmás publicaron varios carruseles de fotografías nos que mostran algúns momentos da súa estancia en Mónaco, así como diferentes recunchos do exclusivo barco construído en Vigo.




