A Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolleu este mércores o Seminario de Recursos Didácticos Dixitais Musicais, organizado polo grupo de innovación docente DidArtes: GID Didáctica das Artes Integradas da Universidade de Vigo, co apoio da Vicerreitoría do campus. Nel, alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social puido familiarizarse co uso destas ferramentas en diferentes etapas educativas.
O obxectivo do seminario foi “crear un espazo teórico-práctico para o debate sobre os recursos didácticos dixitais musicais e as súas implicacións e posibilidades educativas”. Na apertura participaron Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social; Julia Jiménez, directora da Biblioteca Rosalía de Castro, e Lucía Casal, profesora da Área de Didáctica da Expresión Musical e coordinadora da actividade.
Ao longo das sesións, analizouse o concepto "recurso didáctico dixital" e presentáronse coordenadas de investigación nas etapas educativas de Infantil, Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Tamén se abordaron exemplos de recursos deseñados por editoriais e de elaboración propia, permitindo ao alumnado interactuar con estas ferramentas e analizar os seus potenciais didácticos e posibilidades de mellora. Discutíronse os resultados de investigacións sobre recursos dixitais musicais en tres etapas: os proxectos Infanci@ Digital (Infantil), Escuel@ Digital (Primaria) e Secundari@ Digial (ESO).
Presentáronse ademais dous libros. O primeiro, "La educación musical en la escuela: recursos, experiencias y prácticas innovadoras", contou coa participación de Antía Cores, mestra no CEIP de Arzúa; Jesús Rodríguez, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; e Maravillas Díaz, profesora xubilada da Euskal Herriko Unibertsitatea. O segundo libro, "Reflexiones desde la música. Expectativas y aplicaciones didácticas", tamén contou coa participación de Maravillas Díaz, destacada figura na didáctica da expresión musical en España.




