A presentación do festival 6 Coreógrafas, que se celebrará na Estrada o vindeiro sábado 10 de outubro, tivo lugar hoxe coa presenza da concelleira de Cultura, Lucía Seoane; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e a directora do festival, Paula Quintas. A parte artística da presentación correu a cargo de Nuria Sotelo, da compañía Furia Sotelo, cunha intervención dirixida ao alumnado do CEIP Pérez Viondi na Praza de Galicia.
A xornada estará dedicada á danza e ás artes do movemento, cun programa que se estenderá ao longo do día. Comezará ás 11:00 h cun obradoiro interxeracional dirixido por Kirenia Martínez, aberto ao público e ao alumnado da EMAE (infantil e adulto).
Ás 13:00 h, terá lugar a sesión vermú 'Accionando corpos en espazo público' con Lúa Gándara.
A programación de tarde, que combina rúa e sala, comezará ás 18:00 h na Praza de Galicia e no Teatro Principal. Incluirá a estrea de 'TRÉS BIEN' (18:00 h), un dúo de danza contemporánea de rúa de Inés Santos e María de Vicente (Cía. Marta Alonso Tejada).
Seguirá 'SUIT(E)' (18:15 h) de Furia Sotelo, un solo de danza contemporánea de rúa con música en directo de Millán Abeledo.
Ás 18:45 h, presentarase 'BIPEDESTRUCCIÓN' (18:45 h), un dúo de danza contemporánea de rúa de Marcia Vázquez e Martina Lo Arcos (Desiden.cia).
A xornada pecharase coa estrea de 'BENQUERER(ME)' (19:30 h), un solo de danza tradicional e contemporánea para sala a cargo de Fran Sieira.




