O Concello de Redondela deu luz verde á pavimentación con formigón e á renovación da drenaxe no Camiño Outiz de Abaixo, no Barrio Portela. Ademais, destinaranse máis de 59.000 euros para reasfaltar e canalizar as augas pluviais en tres camiños de Cesantes: Eido da Andrea, Panquente e Fonte do Rial.
A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que estas adxudicacións representan "un paso máis na nosa política de atender as necesidades reais do rural, equilibrando os investimentos para que toda a veciñanza dispoña de conexións cómodas, modernas e seguras".
Estas actuacións forman parte do plan de modernización de infraestruturas e mellora da seguridade viaria nas parroquias do municipio. O proxecto do Camiño Outiz de Abaixo, cun orzamento de 51.484,27 euros, inclúe a ampliación do camiño e a instalación dunha nova canalización para evitar asolagamentos. Os traballos nos camiños Eido da Andrea, Panquente e Fonte do Rial, cun importe de 59.371,25 euros, mellorarán 606 metros de trazado con nova capa de asfalto e rede de recollida de pluviais.
O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, subliñou a importancia destes traballos para o benestar diario dos residentes, respondendo a "demandas veciñais que dende hai moitos anos estaban a agardar por unha solución definitiva".
As obras están incluídas no Plan de Investimentos dos Camiños Municipais, que prevé actuacións en 72 vías de todas as parroquias cun orzamento total de 2,7 millóns de euros procedentes de fondos propios.




