A cidade de Vigo acolleu a terceira reunión de seguimento do proxecto europeo CEMTex, unha iniciativa na que a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), en nome do Servizo Galego de Saúde, xunto a oito rexións europeas e coordinada pola provincia holandesa de Güeldres, busca promover modelos máis sostibles na xestión dos téxtiles médicos. O proxecto conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros para catro anos.
A xornada incluíu visitas á lavandería do Hospital do Meixoeiro e ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde os asistentes puideron coñecer de preto iniciativas de sustentabilidade no ámbito sanitario, incluíndo solucións baseadas na natureza e nas ciencias do comportamento. O obxectivo principal foi reforzar a cooperación entre os distintos axentes da cadea de valor dos téxtiles sanitarios e promover solucións innovadoras.
Durante o encontro, presentáronse os avances do proxecto CEMTex, que traballa para impulsar a economía circular no ámbito dos téxtiles médicos, identificando oportunidades e superando barreiras para avanzar cara a modelos de produción, uso e xestión máis sostibles. A iniciativa busca conectar o coñecemento e a experiencia dos sectores sanitario, empresarial, tecnolóxico e ambiental.
A reunión estivo conducida por José María Romero, director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS, e Beatriz Piñeiro, coordinadora da Estratexia de Economía Circular do SERGAS de GALARIA. Asistiron representantes do ámbito sanitario como José Manuel Olivares Díez, director asistencial da área Sanitaria de Vigo; Víctor Miguel do Campo Pérez, responsable do Servizo de Medicina Preventiva; e Antonio Rodríguez Pena, subdirector de Enfermería da área Sanitaria de Vigo. Tamén participaron entidades como a Agrupación industrial Saúde de Galicia, ICSEM, COINTEGA, WIM Studio, VIMBIO CORP e Arroupa.




