O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tomou a decisión de retirar do orde do día do próximo pleno municipal a súa comparecencia, proposta polo PP e o BNG, para dar explicacións sobre o accidente mortal ocorrido o pasado 3 de agosto de 2024, no que faleceu Iván Castaño, de 36 anos, e que derivou na imputación da concelleira de Seguridade.
Esta decisión foi criticada duramente polos portavoces da oposición. A voceira do PP, Luisa Sánchez, acusou a Caballero de "esconderse" e de "eludir responsabilidades políticas" ao utilizar a súa potestade para fixar a orde do día e evitar responder sobre a investigación penal que afecta á concelleira Patricia Rodríguez Calviño.
Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou a negativa do alcalde de "covardía política inaceptable" e de "atropelo antidemocrático", argumentando que impide "de forma arbitraria e ilegal" a labor de control da oposición e vulnera dereitos fundamentais.
O concelleiro socialista Carlos López Font enviou un audio aos medios comparando a actitude da oposición co "gusto por Putin" dos partidos que, segundo el, pretenden vulnerar o Regulamento Municipal ao solicitar a comparecencia. A oposición, con todo, rexeita estas declaracións, considerando a comparación desafortunada no contexto dun accidente mortal.
O PP presentará tres propostas no pleno: a destitución inmediata de Patricia Rodríguez Calviño, a creación dunha comisión de investigación e unha declaración institucional de condolencias pola morte de Iván Castaño.




