A iniciativa, que nace coa ilusión de descubrir e impulsar ás novas xeracións de pianistas, serve como trampolín para os máis novos e terá lugar durante dous días no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Ana Ortiz destacou o evento como “un novo punto de referencia para o talento cultural dos máis novos” e asegurou que o Goberno galego “estará sempre dando o seu apoio a este tipo de iniciativas culturais na nosa cidade”.
Este concurso é a principal novidade desta edición e serve como preámbulo ao X Concurso Internacional de Piano “Cidade de Vigo”.
A programación oficial, que bate récord de participación con preto de 400 inscritos de 77 países, comezará o 7 de agosto con dous grandes recitais: o dos gañadores do concurso júnior e un concerto inaugural coa pianista Martha Argerich e Pablo Galdo.
Ademais, a interpretación do Carnaval dos Animais, de Camille Saint-Saëns, contará coa narración do actor Jeremy Irons.
O X Concurso Internacional de Piano “Cidade de Vigo” culminará cunha gran final o 14 de agosto no Auditorio Mar de Vigo xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia.




