Esta iniciativa do Goberno galego busca fomentar a conectividade aérea, establecendo un máximo de dúas novas conexións por aeroporto e ano, o que suma un total de seis rutas anuais. Non obstante, esta cifra podería ampliarse se as circunstancias o permiten. A medida enmárcase nunha estratexia de apoio ao modelo proposto por Aena para a captación de rutas, e insta a concellos e deputacións a unirse a esta proposta coordinada e conxunta.
“"Traballando todos xuntos seremos quen de conseguir novos destinos."
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, detallou esta proposta tras unha reunión con representantes do sector empresarial e turístico de Santiago. Esta rolda de contactos continuará con encontros similares na Coruña e Vigo, así como coas deputacións provinciais. Calvo aclarou que o financiamento se destinará á promoción turística en orixe, non directamente aos voos, co fin de asegurar a rendibilidade a longo prazo das novas rutas.
Entre as peticións do empresariado galego, recollidas nun documento presentado polo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, destaca a necesidade de consolidar Madrid e Barcelona como rutas estruturais nos tres aeroportos, con frecuencias e horarios axeitados. Tamén se identifican como prioritarias conexións nacionais con cidades como Valencia, Bilbao, Sevilla ou Málaga, e enlaces con Canarias e Baleares.
No ámbito internacional, as empresas galegas subliñan a importancia de asegurar conexións eficientes e estables cos principais hubs europeos, como Londres, París, Frankfurt, Ámsterdam e Bruxelas, para facilitar o enlace con mercados internacionais cunha única escala e billete integrado. Outros destinos de interese inclúen Milán, Lisboa, Dublín, Roma e Zúric/Xenebra.




