A Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo afronta un período de cambios tras a renuncia da catedrática Elsa Vázquez como decana. A investigadora Cristina Sobrino asumirá a dirección en funcións durante os próximos seis meses, coa tarefa de convocar novas eleccións neste período.
Sobrino, profesora titular do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigadora do grupo OB Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo), xa exercía como vicedecana de Mobilidade dende novembro de 2024. A súa intención é presentarse ás próximas eleccións á fronte do equipo que agora queda constituído en funcións.
Neste período, Sobrino estará acompañada por Estefanía Paredes, investigadora Ramón y Cajal da Área de Zooloxía, que continuará como secretaria do centro, e polo profesor Óscar Nieto, do Departamento de Química Analítica e Alimentaria, como vicedecano de Calidade. A praza de vicedecana de Mobilidade que deixa Sobrino será ocupada por Inmaculada Prieto, docente do Departamento de Química Física.
A nova decana en funcións, formada na Universidade do País Vasco e na Universidade da Laguna, é doutora pola Universidad de Cádiz. A súa tese centrouse no "Efecto del incremento de radiación ultravioleta y co2 sobre el crecimiento y fotosíntesis de diferentes especies de microalgas marinas".
Sobrino manifestou o seu desexo de que as eleccións se convoquen "o antes posible". De gañar, o seu equipo intentará completar o programa electoral co que se presentaron inicialmente en novembro de 2024. Naquel momento, a candidatura liderada por Elsa Vázquez obtivo un amplo apoio do 94,5% dos votos.
O programa de goberno da anterior xestión destacaba a necesidade de máis recursos, recoñecemento e apoio institucional, así como avanzar na internacionalización e ampliar o número de materias en inglés e convenios con universidades estranxeiras. Tamén se sinalaba a singularidade das titulacións do centro, que requiren saídas de campo en barco, o que supón un custo elevado para o orzamento da facultade.
O CIM conta co recoñecemento Cigus da Xunta de Galicia e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder-21-27.




