Esta iniciativa, que forma parte do ‘Programa de atención especializada para persoas con discapacidade’ cofinanciado pola Xunta de Galicia e xestionado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), recibiu unha subvención que supera os 5.000 euros. O obxectivo principal é mellorar a funcionalidade e favorecer o maior grao posible de autonomía e independencia das persoas afectadas por esclerose múltiple.
Grazas a estes fondos, AVEMPO está a desenvolver sesións de terapia ocupacional e prevé incorporar novo material de apoio para os seus socios. Dende a entidade subliñan a importancia de manter de forma continuada os servizos de atención e rehabilitación, considerados fundamentais no tratamento dunha enfermidade crónica como a esclerose múltiple.
A asociación anima os contribuíntes a seguir marcando a xestilla da ‘X Solidaria’ na declaración da renda, cuxo prazo de presentación xa se atopa nas súas últimas semanas. En España, máis de 50.000 persoas conviven con esta patoloxía, mentres que en Galicia a cifra rolda os 4.500 pacientes. A prevalencia na comunidade galega é unha das máis elevadas, con taxas de 205 casos por cada 100.000 mulleres e 115 por cada 100.000 homes.
AVEMPO celebra este ano tres décadas de actividade. A entidade, sen ánimo de lucro, ten como finalidade prestar apoio, acompañamento e servizos especializados ás persoas afectadas por esclerose múltiple e ás súas familias. Actualmente conta con preto de 600 socios, dos cales 361 son persoas diagnosticadas coa enfermidade, consolidándose como un referente na atención a afectados na área de Vigo e Pontevedra.




