O Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo incorporará un sistema de ecosonda multifeixe e un perfilador acústico de correntes mariñas. Este investimento, que ascende a 454.960 euros, permitirá obter datos e imaxes detalladas do relevo submarino, así como analizar correntes, sedimentos e outros elementos presentes baixo a auga.
A ferramenta principal será unha ecosonda multifeixe (MBES), capaz de emitir feixes acústicos para medir a profundidade e xerar mapas tridimensionais do fondo mariño con gran precisión. Segundo o prego técnico, o sistema deberá operar a profundidades superiores aos 200 metros e rexistrar simultaneamente datos de batimetría, columna de auga e retrodispersión, unha técnica crucial para identificar características do terreo submarino e a presenza de obxectos ou sedimentos.
Ademais, o contrato inclúe un dispositivo acústico (ADCP) para medir a velocidade e dirección das correntes mariñas, cun rango operativo mínimo de 100 metros. Este equipo integrarase cos sistemas de navegación e inerciais do buque. A Universidade esixe que todo o sistema sexa plenamente operativo e explotable desde o punto de vista científico, incluíndo software de adquisición e tratamento de datos, compatibilidade con formatos científicos estándar e ausencia de licenzas ocultas ou custos non declarados.
A instalación deberá adaptarse ao casco actual do buque oceanográfico, e a empresa adxudicataria realizará probas tanto en porto como no mar antes da aceptación definitiva. Tamén se impartirá un curso presencial de polo menos 16 horas, con sesións a bordo, sobre o manexo dos equipos e o tratamento de datos científicos.




