O Concello do Porriño mantén o seu compromiso de achegar a administración local a todas as parroquias coa Caravana Municipal de Atención Cidadá. Tras iniciar a súa andaina na parroquia de Cans, a oficina móbil ten programada para este xoves, 16 de xullo, a súa penúltima parada na parroquia de Pontellas. A iniciativa porase o broche final a esta rolda de visitas o xoves 23 de xullo en Chenlo.
Impulsada polo goberno local, esta caravana busca facilitar que a veciñanza poida realizar trámites administrativos directamente desde a súa contorna, evitando desprazamentos innecesarios ao centro urbano. Funciona como unha extensión do consistorio, permitindo xestionar solicitudes oficiais, acceder a información municipal e presentar suxestións.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, participa activamente nestes encontros para recoller de primeira man as necesidades dos veciños, acompañado por un amplo equipo de goberno para dar resposta inmediata ás distintas áreas. Os residentes poden acudir con cita previa para ter prioridade ou achegarse directamente aos centros culturais onde se aparca a caravana.
Coas paradas en Pontellas e Chenlo, a oficina itinerante completa un intenso percorrido iniciado en xuño que xa a levou a visitar as parroquias de Cans, Atios, Mosende, Carracido, Budiño e Torneiros.
O Concello do Porriño anima a veciñanza de Pontellas a achegarse este xoves á caravana para trasladar as súas consultas, propostas e xestións de maneira directa.




