O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu hoxe ao acto de peche da primeira edición da Escola de Pastores de Galicia, celebrado no colexio público de Vilariño de Conso. Durante o evento, realizouse a entrega de diplomas ao alumnado que completou esta formación. Alemparte subliñou a boa acollida da iniciativa, que contou con 25 alumnos seleccionados entre 44 solicitudes, e recalcou a importancia de accións como esta para “favorecer a remuda xeracional e contribuír á profesionalización do sector agrogandeiro”.
A Escola de Pastores é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), coa colaboración da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), a Fundación “la Caixa” e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). O director destacou que este proxecto é un “exemplo de colaboración entre a Administración, o sector e outras entidades para dar resposta ás necesidades reais do campo galego”, cun modelo formativo que combina coñecemento, experiencia práctica e contacto directo coas explotacións.
O acto de peche reuniu a representantes institucionais, profesionais e participantes da escola nunha xornada de balance e intercambio sobre a experiencia desta primeira edición e os retos de futuro do sector.
A iniciativa desenvolveuse entre os meses de marzo e xullo. O programa formativo incluíu un Curso de Aptitude Empresarial Agraria en gandería extensiva de ovino e caprino de 250 horas, ofrecido pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para obter unha titulación oficial habilitante. Tamén incorporou formación específica en agrotecnoloxía, produción de forraxes, alimentación do gando e manexo de gando extensivo. O equipo docente estivo “integrado por profesionais e especialistas nos diferentes ámbitos”, segundo indicou o director.
Ademais, o programa contou con 320 horas de formación práctica, coordinadas por OVICA, que incluíron visitas técnicas, sesións prácticas e estancias en explotacións gandeiras, así como o deseño dun proxecto propio de empresa agraria.




