A rápida difusión dunha mensaxe de auxilio a través de WhatsApp e redes sociais logrou mobilizar a mozos e asociacións para prestar apoio nas zonas máis danificadas pola recente catástrofe medioambiental en Viana do Bolo. A petición de axuda dunha veciña de Pradocabalos, identificada como Luisa, correu como a pólvora, xerando unha onda de empatía e cooperación.
Dous mozos de 21 anos, Xoel Sousa e Alexandre Montesinos, acudiron á aldea tras recibir a mensaxe. "Dixéronnos que facía falta axuda na casa da señora Luisa, e viñemos ata aquí a botar unha man e a aportar o que nós podemos", sinalaron, destacando o espírito de cooperación entre a xuventude. Engadiron que "esta vez os afectados son eles, outra vez podemos ser nós", reflectindo a reciprocidade na solidariedade.
Ademais da axuda individual, diversas asociacións tamén se sumaron aos esforzos. O representante da Asociación do Sector Primario de Galicia, Miguel Gómez, explicou que se necesitaba man de obra e ferramentas. "Todas as carretillas ou as pas coas que estamos traballando trouxéronnas membros a Asociación do Sector Primario de Galicia", afirmou. Agricultores e gandeiros de concellos próximos como Maceda e Vilardevós achegaron material e traballaron na eliminación do barro das casas afectadas.




