Hai unha semana, intensas choivas provocaron unha forte avenida de auga que descendeu pola ladeira, arrastrando miles de toneladas de escombros, pedras e lodo, causando importantes danos materiais en Pradocabalos, O Castro, A Bouza e Pexeiros.
Ante a lentitude na recuperación e a inacción autonómica, o Concello celebrou un pleno extraordinario para pedir á Xunta que declare a situación de emerxencia. O alcalde, Germán García-Ávila, sinalou que a magnitude dos danos xustifica medidas extraordinarias para axilizar trámites e recursos.
A proposta foi aprobada por unanimidade. A declaración de emerxencia é o paso previo para solicitar a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil, o que permitiría mobilizar axudas estatais para a reparación dos danos.
Aínda que as tarefas de limpeza comezaron nas primeiras 48 horas, o avance viuse condicionado por obstáculos administrativos e problemas de coordinación. A xestión e retirada de miles de toneladas de residuos está bloqueada pola falta de autorizacións e espazos para o depósito, o que retarda a recuperación que os veciños consideran urxente.
A reunión prevista entre o alcalde e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi aprazada do venres ao luns, o que o alcalde lamenta xa que "segue retrasando os traballos de limpeza e desescombro".
O Concello tamén informa de que as persoas afectadas poden solicitar axudas ao Ministerio do Interior nun prazo dun mes, que poden complementar outras subvencións sen superar o importe total dos danos.




