Unha semana despois das intensas choivas que causaron unha das riadas máis destrutivas na provincia de Ourense, os núcleos afectados en Viana do Bolo continúan os labores de recuperación. Localidades como Pradocabalos, Pixeiros, O Castro e A Bouza sufriron inundacións, baixos anegados e accesos bloqueados por toneladas de residuos.
Un vídeo gravado polos propios veciños de A Bouza rexistra o momento exacto dunha forte tromba de auga negra que atravesou a aldea. A forza da auga, mesturada con lodo e cinzas de incendios forestais, arrastrou troncos e pedras, causando danos severos en casas e pertenzas.
Actualmente, os servizos de subministro de luz e auga foron restablecidos. Non obstante, a auga aínda non é potable en puntos críticos como A Bouza, polo que o Concello mantén o reparto de auga embotellada. As choivas recentes non agravaron a situación nas zonas xa danificadas.
A reunión institucional entre o alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, aprazouse para o vindeiro luns. O alcalde lamentou o adiamento, sinalando que "isto segue retrasando os traballos de limpeza e desescombro" e urxe a acelerar os trámites para a retirada de sedimentos.




