A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, participou na inauguración do V Foro da Castaña, un evento que se celebra hoxe e mañá no Riós (Ourense) e que congrega a expertos investigadores de todo o mundo. Na súa intervención, salientou a importancia do castiñeiro na procura dun monte ordenado, sostible e rendible, e da castaña na historia, tradición e economía de Galicia.
Piñeiro lembrou o compromiso da Consellería do Medio Rural coa defensa das árbores frondosas, a xestión conxunta do monte, a diversificación de usos e a bioeconomía verde como piares do modelo forestal galego. Referiuse ao Plan Forestal de Galicia e ao Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña como guías de actuación.
A Consellería está a executar accións como a recuperación de plantacións de castiñeiros para froito, a restauración de soutos tradicionais, a promoción da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e o control de pragas. Destacou que tanto a castaña como a madeira de castiñeiro teñen un lugar relevante no mercado español, valorando a certificación IXP e o labor do seu consello regulador.
Ademais, Piñeiro puxo en valor o convenio asinado entre Medio Rural e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Este acordo, coa participación do Centro de Desenvolvemento Agroforestal do Riós, creou un programa específico para a identificación, vixilancia e promoción da xestión activa dos soutos tradicionais e das masas de frondosas autóctonas. Tamén se fai fincapé na promoción de agrupacións de propietarios para a xestión conxunta e na loita contra as doenzas do castiñeiro.




