A iniciativa busca dinamizar a economía local e a oferta de ocio do outono, ofrecendo un espazo de encontro arredor da cervexa e da gastronomía. A convocatoria está dirixida a distribuidores de cervexa, establecementos de alimentación e restauración, e foodtrucks con propostas adaptadas á temática. Incluiranse especialidades como salchichas, codillo, chucrut, así como elaboracións con produtos da terra, opcións veganas e pratos como polvo, empanada ou churrasco.
O horario de apertura ao público será de 18:00 a 02:00 horas ambos os días. Os postos de cervexa situaranse na carpa principal, os de alimentación en carpas anexas e as foodtrucks no exterior.
As solicitudes poderán presentarse ata o 21 de setembro de 2026 a través da Sede Electrónica do Concello de Verín. O custo da participación para os dous días varía: 40 euros por metro lineal para distribuidores de cervexa, 100 euros por participante para alimentación (cun espazo de 2,5 metros lineais) e 9,32 euros por metro cadrado para foodtrucks.
Entre os requisitos figuran dispoñer do carné de manipulador de alimentos, estar dado de alta no Imposto de Actividades Económicas e na Seguridade Social, e contar co seguro de responsabilidade civil. A selección priorizará a variedade de produto e a temática da feira.
Unha vez comunicada a aceptación, os participantes terán tres días hábiles para efectuar o pagamento. A participación implica manter os postos abertos durante todo o horario establecido.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa Oficina de Desenvolvemento Local (ADL) no correo electrónico adl@verin.gal ou nos teléfonos 988 410 000 e 691 575 225.




