A sede do Centro de Información á Muller (CIM) da mancomunidade de Verín estrea novas instalacións, financiadas pola Xunta de Galicia con 150.000 euros. A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou o espazo e eloxiou o traballo dos sete concellos que integran a entidade supramunicipal: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Verín e Vilardevós.
A nova sede, máis ampla que a anterior, busca ofrecer un ambiente de maior confort e seguridade tanto para o persoal como para as usuarias. Segundo destacou a conselleira, o espazo está deseñado para garantir a intimidade e a accesibilidade necesarias para un servizo de axuda que atende anualmente a máis de 250 mulleres na comarca.
“"As novas instalacións garanten a intimidade e accesibilidade para atender a máis de 250 usuarias ao ano."
Ademais, a titular de Política Social e Igualdade lembrou a recente aprobación dunha nova convocatoria de axudas por valor de cinco millóns de euros. Esta dotación económica está destinada a soster o funcionamento dos 84 CIM repartidos por toda a comunidade autónoma, centros que ofrecen apoio e asesoramento a un total de 17.000 mulleres.




