O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia, para o ano 2026 (código de procedemento BS412A).
Poderán ser beneficiarias destas axudas os pais/nais e persoas titoras de nenas e nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022, ou quen os teña en acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, sempre que residan na Comunidade Autónoma de Galicia.
Os períodos considerados como vacacións escolares para o ano 2026 inclúen o inicio de xaneiro, febreiro, a Semana Santa (do 30 de marzo ao 6 de abril) e o longo período estival, do 20 de xuño ao 8 de setembro.
As familias poderán acceder ás axudas en casos de enfermidade ou accidente do menor ou coidador, asistencia a entrevistas de traballo ou cursos de formación, situacións laborais puntuais, ou coidado de familiares ata segundo grao de parentesco. Tamén se contemplan necesidades de conciliación cando os centros educativos están pechados por vacacións e os pais non poden facerse cargo por motivos laborais.
Os gastos subvencionables inclúen a contratación laboral temporal dunha persoa empregada do fogar, servizos de atención á infancia a domicilio, asistencia a ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade, así como a asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos privados.
A contía da axuda pode acadar o 100 % para familias numerosas, monoparentais, acolledoras, con garda adoptiva, con fillos con discapacidade igual ou superior ao 33 %, ou vítimas de violencia de xénero. Para o resto dos casos, a axuda será de ata o 75 %.
Os límites da axuda son de 500 euros por unidade familiar no caso de contratación de persoal ou servizos a domicilio, e de 200 euros por cada nena ou neno para asistencia a servizos de conciliación ou campamentos colectivos.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, comezando ás 9.00 horas do 9 de setembro de 2026 e finalizando o 9 de outubro de 2026 ás 14.00 horas.




