O FIC Vía XIV presenta a programación completa da súa décima edición, que se celebrará do 26 ao 31 de outubro en Verín. O festival combina as seccións oficiais a concurso con actividades educativas en colaboración cos centros escolares da vila, iniciativas de accesibilidade, música en directo e encontros arredor da sétima arte, baixo o lema «A verdade nunca foi tan fráxil».
A programación inclúe actividades como Noticia Invisible, unha sesión de narración oral e monicreques para máis de 300 escolares o martes 27 de outubro, e Aula XIV. Descubre o festival, vive o cinema, destinada a máis de 100 alumnos de bacharelato o mércores 28, que abordará a posverdade e o funcionamento dun festival.
O xoves 29 de outubro, a Banda de Música de Verín ofrecerá o concerto FIC Vía XIV Film Symphony, con bandas sonoras de coñecidas películas. O venres 30 será a quenda de Olladas compartidas, unha sesión de cinema inclusivo con medidas de accesibilidade.
O sábado 31 de outubro, o Cineclub Ordet organizará un cinefórum dedicado a Maya Deren e Forugh Farrokhzad, seguido da gala final de entrega de premios. Tamén se prevé a mesa redonda Verín-Chaves: un horizonte de cinema, pendente de confirmación.
O festival exhibirá 33 curtametraxes de máis de vinte países nas seccións oficiais Nova e A Raia, ademais da sección paralela Horizontes. As entradas terán un prezo solidario de 3 euros.




