A orde, publicada o 31 de marzo de 2026, busca manter unha prestación farmacéutica de calidade e próxima ás diferentes áreas de atención continuada. Establecéronse como zonas farmacéuticas especiais aquelas con baixa densidade de poboación (inferior a 10 habitantes/km²), cunha única oficina de farmacia, ou con viabilidade económica comprometida.
Un total de 18 destas zonas corresponden á área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e 8 á área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. As oficinas de farmacia beneficiarias na provincia de Ourense foron as da Teixeira, Larouco, A Peroxa e San Xoán de Río. Na provincia de Lugo, resultaron beneficiarias as de Baleira, Cervantes e Folgoso do Courel.
A declaración de zona farmacéutica especial permite aplicar condicións especiais na prestación do servizo de garda e na atención farmacéutica en residencias sociosanitarias de menos de 100 residentes, co obxectivo de garantir o acceso aos medicamentos e consolidar a poboación no rural.




