A Asociación Ruta do Viño de Valdeorras, co apoio de Turismo de Galicia, a Deputación de Ourense e o Consello Regulador da D.O., organiza a segunda edición do ciclo 'Entre Covas'. Esta proposta busca potenciar o territorio a través de experiencias únicas e de aforo limitado, combinando a degustación de viños coa posta en valor do patrimonio e as artes escénicas.
O ciclo desenvolverase os venres 19 de xuño, 17 de xullo e 21 de agosto nas contornas de covas e adegas asociadas á Ruta do Viño nos concellos de Larouco, A Rúa e Petín. As xornadas comezarán ás 20:30 horas e incluirán visitas a varias covas, espectáculos artísticos e unha degustación de viños e petiscos ao finalizar.
Segundo a organización, o programa desta edición "combina profundidade artística, sons de raíz folk e desafío escénico", buscando crear unha atmosfera especial nos emblemáticos espazos das covas.
A primeira cita será o 19 de xuño en Seadur (Larouco) coa artista Paula Pintos e a súa proposta 'Ícaro', un paseo sonoro que inclúe un recital na Cova da Xabreira. O 17 de xullo, a actividade trasladarase ás Pinguelas da Rúa, onde o grupo de raíz folk Abril, gañador dos Premios Martín Códax, actuará na cova de Joaquín Rebolledo. O festival culminará o 21 de agosto en Petín con 'As R[h]umosoras', unha proposta escénica de humor e reivindicación cultural a cargo de Carmen Méndez, Marta Doviro e Ledicia Sola, que terá lugar na Adega Terrina tras visitas ás Covas do Barrio de Santiago.
A iniciativa 'Entre Covas' nace co obxectivo de promover un enoturismo de calidade e sostible, revalorizando as covas de viño tradicionais da zona. As propostas deseñáronse cun aforo reducido para minimizar o impacto ambiental e maximizar a experiencia do visitante, nun territorio que xa conta co barrio de covas de Seadur declarado Ben de Interese Cultural.




