A paisaxe de Valdeorras transórmase coa chegada de traballadores temporais, moitos deles procedentes de fóra da comarca, para participar na recollida da uva. Esta campaña, que adoita durar entre mes e medio, concéntrase nalgunhas adegas en apenas unhas semanas, dependendo do volume de produción e da organización interna de cada empresa.
O perfil do traballador da vendima experimentou un cambio notable nos últimos anos. Dende hai aproximadamente seis campañas, é habitual que as cuadrillas sexan proporcionadas por empresas subcontratadas, encargadas de xestionar e achegar o persoal necesario. Esta práctica responde á dificultade para atopar man de obra local nunha zona onde o sector vitivinícola é un pilar económico fundamental.
Dende o sector explican que este modelo de subcontratación permite contar con persoal experimentado e cun ritmo de traballo áxil. "Toda a uva que entra en adega está segura, polo que canto antes entre, mellor. Se a uva pode estar en 4 días en adega mellor que en 7", sinalan, subliñando a importancia da rapidez na vendima para garantir a calidade do produto.
A adega Barón do Sil, por exemplo, confía en cuadrillas contratadas a través de empresas externas, cun sistema de pago baseado no volume de uva recollido, unha tónica xeral neste tipo de colaboracións.
En Godeval, o persoal fixo encárgase da loxística, mentres que para a recollida se recorre a traballadores de países como Marrocos, Perú e outras nacións suramericanas. A súa campaña comezará proximamente e está prevista que dure unhas tres semanas.
A adega Joaquín Rebolledo, situada na Rúa, tamén empregará traballadores estranxeiros contratados vía subcontrata, prevendo a chegada duns 30 a 40 temporeros. O sistema de pago tamén se vincula á cantidade de uva recollida.
A Cooperativa Jesús Nazareno (Vinos Barco) é unha das poucas que mantén persoal propio, complementando con reforzos puntuais dada a ausencia de viñedos propios. A súa campaña iniciará a próxima semana e estenderase por tres semanas.
Dende a D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira destaca que a contratación destas cuadrillas é xa unha práctica habitual e que as adegas mostran satisfacción co sistema. "Funciona moi ben, a xente está moi contenta con este tipo de empresas. É a tónica xeral dende hai anos", afirma.
Este cambio tamén se debe ás dificultades actuais para atopar axuda entre familiares e coñecidos, como se facía antigamente. O envellecemento da poboación e a complexidade para compatibilizar a vendima con outros empregos, sumado a normativas laborais máis estritas, reducen esta posibilidade.
Os temporeros alóxanse en pisos, pensións e outras vivendas dispoñibles nos municipios da comarca. As inspeccións laborais intensifícanse durante estas semanas de alta actividade para garantir que as condicións de aloxamento sexan adecuadas.




