A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia vén de licitar a execución das obras de humanización da Praza Pedro Fernández, situada no concello de San Xoán de Río, cun investimento de 150.000 euros. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia xa recolle esta licitación, e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 7 de setembro.
O obxectivo principal desta intervención é a revitalización da praza e a homoxeneización do núcleo urbano de San Xoán de Río. Preténdese lograr unha maior cohesión territorial e dotar á veciñanza dun espazo de calidade, conectando física e visualmente os puntos estratéxicos do municipio.
A praza atópase no centro neurálxico do municipio ourensán, rodeada por establecementos de hostalaría, unha área deportiva, o centro de saúde e a Casa do Concello, o que a converte nun lugar clave para o encontro veciñal.
Estas actuacións enmárcanse no Plan Hurbe da Xunta, unha iniciativa que apoia aos municipios na execución de obras de mellora de contornas urbanas, accesibilidade e equipamentos públicos. O contrato foi asinado entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que achega o 70% do orzamento, e o Concello de San Xoán de Río, responsable do 30% restante.




