A homenaxe tivo lugar diante do monumento dedicado ao autor, onde o alcalde e un descendente do escritor realizaron unha ofrenda floral. O obxectivo principal é manter viva a memoria de Labarta Pose e reivindicar o recoñecemento que, segundo o Concello, merece unha das figuras máis destacadas da literatura galega.
Durante o acto, destacouse a figura do polifacético escritor baiés, coñecido pola súa extensa obra literaria e a súa firme defensa da lingua galega. A súa pegada na literatura galega de finais do século XIX e comezos do XX foi significativa, así como a súa intensa actividade cultural durante a súa etapa estudantil.
“"Labarta Pose foi un pioneiro da defensa do galego e unha figura fundamental da nosa cultura. Desde o Concello de Zas seguiremos traballando para que teña o recoñecemento que merece e para que a súa obra continúe chegando ás novas xeracións."
Entre as súas obras máis recoñecidas atópanse títulos como ¡Que me enterren aló!, ¡Non falés o Gallego! e Defensa das Mulleres. Nestes textos, Labarta Pose deixou patente o seu compromiso coa lingua galega, coas mulleres e co amor pola súa terra. O Concello tamén lembrou o amplo programa de actividades impulsado o ano pasado con motivo do centenario do falecemento do escritor.
A programación especial, organizada polo departamento de Cultura do Concello de Zas, buscou poñer en valor a figura dun autor que xa en 1920 fora proposto para ser académico de número da Real Academia Galega, segundo consta na documentación conservada pola propia entidade. O Concello continuará promovendo accións de divulgación para reforzar o seu legado cultural e acadar o recoñecemento institucional que consideran xusto.




