O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a importancia desta cita deportiva ao longo da última década, explicando que "xa son dez anos nos que Zas se converte no epicentro non só da Costa da Morte, senón tamén de Galicia no ámbito das carreiras pedestres". Subliñou a colaboración entre as dúas entidades organizadoras e o carácter diferencial da proba, que combina deporte e gastronomía, destacando as filloas que se reparten ao remate como un elemento fundamental.
Nesta edición haberá cinco modalidades para adaptarse a diferentes niveis: trail longo (24 quilómetros), trail curto (18 quilómetros), trailiño (13 quilómetros), andaina longa (25 quilómetros) e andaina curta (15 quilómetros). Os percorridos discorrerán polos montes do municipio, con ascensos ao Monte Brondo e ao Pico de Meda, o punto máis elevado do concello. David Fernández, presidente da AD Monte Brondo, explicou que se introducen cambios nos trazados para descubrir novos lugares e que as dúas andainas sairán por primeira vez desde Baio.
As modalidades de trail terán a saída na Praza do Concello de Zas e a chegada no Pavillón Polideportivo municipal. O trail longo comezará ás 9:00 horas, o curto ás 9:45 horas e o trailiño ás 10:30 horas. As andainas sairán da Praza Jorge Mira de Baio, ás 9:30 horas a longa e ás 10:00 horas a curta. Para facilitar os desprazamentos, a organización habilitará un servizo de autobuses desde a explanada do Centro Sociocultural de Zas ata o punto de saída.
As inscricións están abertas ata o 2 de febreiro a través da páxina web www.empa-t.com. Os prezos varían segundo a modalidade e a data de inscrición, e as prazas son limitadas en todas as categorías. A proba contará con categorías absoluta masculina e feminina, así como Veteranos A (40-49 anos) e Veteranos B (máis de 50 anos). Haberá recoñecementos para as tres primeiras persoas clasificadas nas categorías absolutas. Para participar nas modalidades de trail será necesario ter cumpridos os 16 anos, mentres que nas andainas poderán participar menores acompañados dun adulto.




