A localidade de Vimianzo volverá ser un referente coa celebración deste foro, que na súa anterior edición reuniu preto de 200 mulleres de toda Galicia. Durante dúas intensas xornadas, as participantes tiveron a oportunidade de asistir a relatorios, mesas de diálogo e talleres experienciais, todos eles enfocados ao crecemento persoal e profesional.
Baixo o lema “Da consciencia á acción para liderar, emprender e transformar dende o rural”, o foro contou coa participación de destacadas profesionais en ámbitos como o emprendemento, a comunicación e a igualdade. As intervencións subliñaron a importancia de crear redes de apoio, visibilizar o talento feminino e avanzar cara a un modelo máis igualitario, especialmente no contexto rural.
A segunda edición tamén dedicou espazo á reflexión colectiva sobre os desafíos estruturais que afrontan as mulleres na actualidade, organizando mesas de diálogo onde referentes de diversos sectores compartiron as súas experiencias e visións. O evento, promovido polo Concello de Vimianzo coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, pechouse reafirmando o seu compromiso co liderado feminino.
“"Alza voz de muller vai moito máis alá dun evento. Xa é un movemento que non pode e que non debe parar, especialmente agora que estamos nun contexto no que posicionarse, nomear, visibilizar e alzar a voz é máis importante e urxente que nunca."
A sesión de clausura da edición anterior, dirixida pola concelleira de Benestar Social, Sanidade, Igualdade e Atención Cidadá do Concello de Vimianzo, serviu para anunciar a continuidade do proxecto e a data da terceira edición. Con esta nova convocatoria, o foro busca consolidarse como unha plataforma de impulso, conexión e transformación social no ámbito rural, transcendendo o formato de evento puntual.




