O municipio de Zas preparou unha intensa axenda de actividades para os meses de xullo e agosto, co obxectivo de promover un lecer saudable, accesible e participativo. A iniciativa busca tamén facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, permitindo que veciños e veciñas de todas as idades desfruten dun verán activo sen necesidade de desprazarse fóra do concello.
O alcalde, Manuel Muíño, sinalou que "o noso obxectivo é que todas as persoas teñan oportunidades para gozar do verán en Zas. Traballamos para ofrecer unha programación diversa, accesible e pensada para diferentes públicos, que permita ás familias conciliar e que, ao mesmo tempo, dinamice os nosos espazos públicos e o noso patrimonio".
A programación arrincará o venres 3 de xullo coa Escola de Pesca no Coto de Baio, dirixida a menores de idade sen licenza. O día seguinte, sábado 4 de xullo, haberá unha gran festa infantil no campo de fútbol e na piscina municipal de Zas, con inchables e actividades lúdicas. A xornada completarase co concerto de Boroa nas Torres do Allo.
As Torres do Allo serán un epicentro cultural con propostas como o Café concerto da Aula de Cámara Airas Nunes o 11 de xullo. Ese mesmo día comezarán as Andainas de Verán, que se repetirán os días 18 de xullo e 1 de agosto. O 18 de xullo tamén terá lugar o Concerto na Ponte coa actuación de Lorelia en Brandomil.
O 19 de xullo celebrarase o Día da Bici, con saída desde a Praza do Concello. Entre o 20 e o 31 de xullo, o Urban Camp ofrecerá dinámicas de grupo, xogos e parkour no Centro Sociocultural de Zas para nenos e nenas nacidos entre 2010 e 2014.
A cultura e o patrimonio terán protagonismo na Semana Cultural (3-7 de agosto), con música, monólogos e cinema. O 13 de agosto, Jorge Mira guiará unha Observación Astronómica nocturna. O 19 de agosto haberá unha excursión ao Aquapark para menores.
O deporte destaca o 29 de agosto co Trail Nocturno Cova do Lobo, que inclúe trail, pequetrail e andaina nocturna. A programación pecharase o 30 de agosto co Mercado de San Ramón nas Torres do Allo, amenizado pola Charanga Benofan e cun concerto infantil de Brais das Hortas. Ese día tamén se disputará o 35º Trofeo de Fútbol Concello de Zas.
Ademais, haberá cursos de natación nas piscinas municipais e unha programación estable nas Torres do Allo con visitas teatralizadas, Escape Room e a exposición Zas en Romaría, reforzando o seu papel cultural.




