A localidade de Vimianzo foi o epicentro da XXVIII Rapa das Bestas, organizada pola Asociación Cultural e Cabalar Monte Faro. O evento tivo lugar no Campo da Areosa, onde se congregaron unhas dúascentas persoas o pasado sábado para unha degustación de poldro.
A xornada do sábado estivo marcada pola baixada das bestas dende o monte ata o curro, onde se reuniron un total de 110 exemplares. Paralelamente, celebrouse unha degustación de poldro, cun menú cuxo prezo era de 15 euros.
O domingo, a xornada comezou cun espectáculo ecuestre de doma en liberdade a cargo de Paco Martos. Posteriormente, ás 12.30 horas, as bestas foron conducidas ao curro mentres a música de Begoña García amenizaba a sesión vermú. Os asistentes tamén puideron xantar nunha polbeira instalada no recinto.
A partir das seis da tarde, o público gozou da espectacularidade da rapa, onde aloitadores e aloitadoras de todas as idades cortaron a crina ás bestas salvaxes. O recinto contou con acampada gratuíta e unha zona de ocio infantil con inchables e obradoiros.
A festa concluíu co sorteo dun poldro entre os asistentes, unha nova actuación musical de Begoña García e a posterior solta das bestas para o seu regreso ao monte.




