A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, supervisou o arranque dos traballos desta actuación que se prolongará por 5,8 quilómetros desde Santa Irena ata a conexión coa estrada AC-532.
As obras comezaron na zona onde remata o treito de autovía actualmente en servizo, libre de peaxe e que conta cun total de 28 km. Inclúen nesta primeira etapa traballos de roza e movemento de terras, así como investigacións xeotécnicas para a cimentación das futuras estruturas.
As estruturas, que supoñen a parte máis ambiciosa da actuación, inclúen a construción de tres viadutos. Dous deles salvarán o río Grande e o terceiro, o máis longo con case 250 metros, cruzará o río Vimianzo. Estas estruturas contan cun investimento de 18 millóns de euros, a metade do total.
A intervención tamén prevé dous enlaces, a previsión dun terceiro, seis pasos superiores, tres pasos inferiores e seis obras de drenaxe.
“"Esta intervención permitirá mellorar a mobilidade, reducir tempos de viaxe e incrementarase a seguridade viaria, o que conleva a mellora da competitividade e conectividade da Costa da Morte."
A conselleira Allegue subliñou o compromiso da Xunta para avanzar nas grandes infraestruturas coas que seguir vertebrando Galicia, "con planificación e a dotación de recursos".




