A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, participou esta mañá na apertura da exposición «Coreografías do facer. O traballo feminino en Gustav Henningsen», que marca o inicio da programación do Festival Escena Muller na Costa da Morte. O festival reunirá ata o 8 de novembro propostas de teatro, música, narración oral e obradoiros nestes tres concellos.
A deputada destacou a diversidade de espazos nos que se desenvolven as actividades, distribuídos entre Camariñas, Vimianzo e Dumbría, e que inclúen desde casas da cultura e auditorios ata museos, prazas e paseos marítimos. Tamén subliñou a importancia de achegar a cultura ás novas xeracións, levando as artes escénicas aos CEIP e IES para inspirar o alumnado.
A exposición «Coreografías do facer», comisariada por Ana Estévez Lavandeira a partir do arquivo de Gustav Henningsen, recupera o traballo tradicional das mulleres. O Faro Vilán convértese así nun lugar de encontro entre o patrimonio etnográfico, a paisaxe e a memoria das mulleres da zona.
A programación continuará este venres, 24 de outubro, ás 20.00 horas, en Bitácora, no Ézaro (Dumbría), coa proposta «As ben dadas», da actriz e narradora Atenea García. O sábado 24 de outubro, ás 21.00 horas, a artista Atenea García presentará «Vicio houbo sempre» na Casa de Man, en Camariñas.
O festival inclúe tamén «A historia vaxenial», de Artyc Content, con Raquel Nogueira, en Vimianzo o 31 de outubro; «Chegar e encher», de Bea Campos, en Dumbría o 1 de novembro; e sesións de narración oral de Soraya Lema. A creación colectiva «Os fíos da memoria», coas mulleres palilleiras de Vimianzo e música de Belém Tajes, terá lugar o 7 de novembro. O festival pecharase o 8 de novembro en Camariñas co concerto teatral «Unha señora orquestra», de Torta Torta, con Ailén Kendelman.
Ademais, impartirase o obradoiro «Creando panos», por Noelia Darriba, con sesións nos tres concellos entre o 26 de outubro e o 4 de novembro.




