Melide celebra a 34ª Festa do Melindre e da Repostería Tradicional con máis actividades

A vila de Melide prepárase para dous días de celebración gastronómica, poñendo en valor os seus doces máis emblemáticos e a tradición repostera.

Imaxe de melindres, ricos e amendoados, doces tradicionais galegos.
IA

Imaxe de melindres, ricos e amendoados, doces tradicionais galegos.

A vila de Melide acollerá os días 9 e 10 de maio a 34ª edición da Festa do Melindre e da Repostería Tradicional, un evento consolidado que este ano reforza a súa programación con diversas actividades e animación de rúa.

A presentación oficial do evento contou coa participación de Xosé Igrexas, concelleiro de Comercio, e Carmen Liñeira, edil de Política Social, xunto a representantes do sector repostero local. Desde o Concello de Melide subliñan a importancia desta festa, que forma parte da identidade da vila e atrae a milleiros de visitantes cada ano.

"É unha oportunidade para poñer en valor a nosa repostería tradicional e o traballo de quen mantén vivo este saber fai."

Xosé Igrexas · Concelleiro de Comercio de Melide
Considerada unha das citas máis doces de Galicia, a Festa do Melindre foi declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2013. Rende homenaxe aos tres produtos emblemáticos da repostería melidense: os melindres, os ricos e os amendoados. A celebración naceu en 1991 co obxectivo de preservar e difundir unha tradición transmitida de xeración en xeración, que segue viva nos fornos da comarca.
A programación comezará o sábado 9 de maio ás 11.00 horas coa apertura da feira, que estará activa en horario de mañá e tarde. Ao longo da xornada, a música e a animación de rúa correrán a cargo de charangas como Achicoria e Herba Grileira, que percorrerán distintos puntos da vila. Entre as propostas destacadas figuran o obradoiro infantil Coas Mans na Masa, impartido por Mary Mosteiro, así como unha cata maridaxe de viños e doces con Martín Ribeirao. A tarde incluirá ademais o showcooking Melide en petiscos: saborosa memoria da tradición doce, a cargo do profesor de cociña Manuel Garea. A xornada completarase cun concerto da Grileira na Praza das Coles.
O domingo 10 de maio, a feira abrirá de novo ás 11.00 horas, con animación musical desde media mañá a cargo de diferentes formacións itinerantes. Un dos momentos centrais chegará ás 12.00 horas co nomeamento de embaixadores e a lectura do pregón no Cantón de San Roque. A programación continuará con máis música e actividades durante a mañá, mentres que pola tarde haberá espazo para o público infantil cun concerto tributo a Xabarín. O broche final poñerao a actuación da cantante Sabela ás 19.00 horas na Praza das Coles.