O obxectivo do proxecto é achegar á cidadanía materiais bibliográficos que favorezan a reflexión sobre cuestións como a violencia de xénero, o feminismo, o empoderamento, a autoestima e os estereotipos de xénero. A maleta reúne unha selección de libros dirixidos a diferentes públicos, co propósito de implicar a todas as xeracións na construción dunha sociedade máis igualitaria e libre de violencia.
Ademais dos libros, o recurso incorpora fichas bibliográficas e un diario de viaxe no que as persoas lectoras poden deixar as súas impresións e reflexións sobre as lecturas. A iniciativa, que comezou a súa andaina na provincia de Lugo en 2022, continúa percorrendo diferentes concellos, centros e entidades da provincia.
A presenza de MAVI na Biblioteca Municipal de Xermade permite incorporar este recurso aos servizos bibliotecarios e ofrecer á veciñanza novas oportunidades de lectura e información. Desde a biblioteca anímase á veciñanza a achegarse a coñecer o proxecto e descubrir as lecturas que viaxan na maleta, contribuíndo á reflexión colectiva sobre a igualdade e a prevención da violencia de xénero.




