Javier Díaz Bruguera ingresa na Real Academia Galega de Ciencias
O investigador e impulsor do CiTIUS foi admitido como académico correspondente na sección de Ciencias Técnicas.
Por Sabela Feal Salgado
••2 min de lectura
Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (USC)
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) admitiu este luns, 23 de novembro, ao físico Javier Díaz Bruguera como académico correspondente da sección de Ciencias Técnicas, nun acto celebrado no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
As claves
Acto de ingreso na RAGC o 23 de novembro en Santiago
Javier Díaz Bruguera foi impulsor do CiTIUS e catedrático na USC
Traballa actualmente na multinacional británica Arm
O investigador, un dos impulsores da creación do CiTIUS e membro do centro ata o ano 2020, desenvolve a súa actividade profesional na multinacional tecnolóxica británica Arm. Doutor en Física pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi profesor nas universidades de Oviedo, A Coruña e Santiago de Compostela, onde dirixiu o Instituto de Informática e o Departamento de Electrónica e Computación. Aos 35 anos converteuse no primeiro catedrático de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores de Galicia.
Especialista de recoñecido prestixio internacional en aritmética de computadores, o seu traballo céntrase no desenvolvemento de procesadores máis rápidos, eficientes e fiables. En Arm formou parte do equipo responsable do deseño de boa parte dos procesadores de gama alta que incorporan os teléfonos móbiles actuais.
“
"Javier é a proba de algo que o noso estudantado precisa escoitar: que desde unha facultade de Santiago se pode chegar ao corazón de tecnoloxías que están movendo o mundo"
Durante o seu discurso de ingreso, titulado O procesador como motor da revolución da IA, Bruguera puxo de relevo o papel determinante da evolución do hardware no desenvolvemento da intelixencia artificial. O novo académico identificou o consumo enerxético como un dos principais desafíos desta transformación tecnolóxica, destacando como o desenvolvemento de arquitecturas de baixo consumo permite trasladar progresivamente a execución de modelos de intelixencia artificial desde a nube aos propios dispositivos móbiles, mellorando a privacidade e reducindo os tempos de resposta.
“
"A intelixencia artificial debe desenvolverse con criterios de sustentabilidade, transparencia, equidade e protección da privacidade, orientándose a mellorar a calidade de vida e a ampliar as capacidades humanas"