A sesión plenaria someterá a aprobación un expediente de crédito extraordinario por importe de 545.871,46 euros, financiado con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais. Esta modificación permitirá dotar economicamente distintas actuacións de mellora das infraestruturas municipais, renovación de servizos, mantemento de instalacións e dinamización cultural e social, con especial atención ás necesidades da vila e das parroquias.
A actuación de maior importe será a mellora da rúa Plácido Peña, que contará cun investimento superior aos 134.000 euros. O proxecto contempla a substitución de 20 farois por novos báculos de sete metros con tecnoloxía LED e a renovación da rúa no cruce coas rúas Cidade de Viveiro e As Pontes. Nestes puntos habilitaranse zonas axardinadas e mellorarase a iluminación do patrimonio.
A alcaldesa, Marta Rouco, destaca que “este crédito extraordinario permítenos transformar recursos municipais en actuacións concretas que responden a necesidades reais. Falamos de mellorar rúas, renovar instalacións e servizos básicos e seguir coidando tanto o espazo urbano como as parroquias”.
Outras actuacións financiadas inclúen a renovación da auga quente sanitaria da piscina climatizada (50.152 €), a instalación de climatización no Punto de Atención á Infancia (33.230 €), a renovación da iluminación LED no campo de fútbol da Madalena (21.469 €) e a substitución da rede de saneamento da rúa Pita de Veiga (13.103 €).
O crédito tamén contempla 11.000 euros para actividades socioculturais nas parroquias, acondicionamento de parcelas para aparcadoiros, bacheo de accesos en Corbelle, Martiñán e Oleiros, e melloras en edificios municipais como a Casa da Cultura e o Auditorio.
Outro asunto destacado será a aprobación do proxecto actualizado das obras de rexeneración do acceso ao núcleo de Ver, en Goiriz, desde a estrada N-634, cun orzamento de 36.800 euros, financiado pola Deputación de Lugo. O proxecto será licitado de novo tras quedar deserto a primeira vez.
A orde do día complétase co sorteo público para as mesas electorais das eleccións xerais do 29 de novembro, a renuncia de concelleiros do BNG e a solicitude de credencial dun novo concelleiro, ademais de modificacións orzamentarias.




