A iniciativa, presentada oficialmente no Concello de Vilalba, busca dar resposta a unha demanda histórica de servizos asistenciais na comarca. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou a importancia deste proxecto estratéxico para o municipio, que permitirá que moitas persoas maiores poidan recibir atención no seu propio contorno.
O novo centro contará con 161 prazas residenciais e 40 de centro de día. Segundo explicou Luis Romero, director de Operacións de Rosalba Gestión, o modelo organizativo dividirase en sete unidades de convivencia, deseñadas para atender un amplo espectro de patoloxías. Tres destas unidades estarán especializadas en coidados continuados, recuperación funcional post-hospitalaria e demencias dexenerativas como o Alzheimer.
“"É un sector que require moito coidado, moita atención, moita man de obra."
Ademais do seu impacto social, o proxecto subliña a creación de ata 150 empregos, priorizando o “emprego de proximidade” para fixar poboación en Vilalba con postos de traballo estables e de longa duración. A rehabilitación integral do edificio, que se adaptará ás esixencias actuais, estímase que durará uns 12 meses, coa previsión de que o centro estea operativo en setembro de 2027.
A colaboración coa Xunta de Galicia será crucial, xa que o Concello solicitará a habilitación de prazas concertadas. A empresa, pola súa banda, está en conversas coas administracións para definir a porcentaxe de prazas públicas e privadas. A alcaldesa lamentou a “falta de implicación da Xunta” en solicitudes previas para unha residencia pública no municipio.




