O encontro, que se desenvolverá no Iberik Gran Balneario de Guitiriz, estruturarase arredor de tres espazos de traballo: Conectar, Activar e un terceiro dedicado á creación de valor. O obxectivo principal é favorecer o intercambio de experiencias, impulsar novas vías de colaboración e poñer en valor a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, así como as ferramentas transversais da Comunidade, como a Rede de polos.
A xornada contará con 15 sesións temáticas que abordarán cuestións clave como a bioeconomía forestal, a economía social, a innovación, o financiamento, o retorno de proxectos e a remuda xeracional nas empresas. A sala Conectar centrarase na economía social e a gastronomía como motor de desenvolvemento local, mentres que Activar tratará as oportunidades nos sectores tradicionais e o papel das cooperativas.
O foro tamén servirá para presentar os resultados do proxecto GEM da Universidade de Santiago de Compostela, que fai un balance do contexto emprendedor en Galicia. Ademais, reforzará o intercambio de experiencias con representantes de territorios europeos recoñecidos como Rexións Emprendedoras Europeas 2027: Sören Link, alcalde de Duisburgo (Alemaña), e Vasile Asandei, director xeral da Axencia de Desenvolvemento Rexional do Noroeste de Romanía.
As persoas interesadas poden obter máis detalles e inscribirse de xeito gratuíto na páxina web oficial da iniciativa: ultreiagalicia.com.




