O grupo realizou unha andaina lineal de 13 quilómetros pola Ruta do Bosque da Fervenza, nun percorrido entre Lugo e O Corgo. A actividade comezou na antiga depuradora de Lugo e rematou no Bosque da Fervenza, nunha mañá de outono marcada polo bo tempo.
Os participantes seguiron unha senda paralela ao río Miño, desde a desembocadura do río Rato ata o bosque da Fervenza. A ruta permitiu desfrutar da paisaxe fluvial e descubrir a riqueza natural deste espazo, unha espectacular fraga con árbores centenarias e carballos de máis de 300 anos de idade, considerado un dos bosques de inundación mellor conservados da Península.
Durante a andaina, o grupo fixo unha parada na casa de turismo rural Casa Grande da Fervenza, onde visitaron un antigo muíño do século XVII e coñeceron curiosidades sobre a súa historia.
A próxima saída do programa ‘Guitiriz en Ruta’ terá lugar o domingo 20 de decembro, coa realización da Ruta da Auga de Parga a San Alberte, polo Camiño Norte de Santiago. A andaina sairá ás 10:00 horas desde as instalacións do CIT de Parga.




