O Concello de Guitiriz xa abriu o prazo de inscrición para participar no XXVIII Certame de Cantería de Parga. Esta convocatoria forma parte da XXXI edición da Feira da Cantería, Callos e Artesanía, que terá lugar o vindeiro domingo 19 de xullo.
Os participantes competirán por tres premios que suman un total de 1.500 euros: 750 euros para o gañador, 500 para o segundo clasificado e 250 para o terceiro.
Hai un máximo de 15 prazas dispoñibles, que se asignarán por orde de inscrición. As solicitudes poden presentarse ata o día 13, ben a través da sede electrónica do concello ou de forma presencial no rexistro municipal.
O certame, que busca pór en valor a tradición da cantería e a pedra como recurso do municipio, desenvolverase entre as 9.00 e as 14.00 horas. A organización proporcionará aos participantes un anaco de granito silvestre sobre o que traballarán con temática libre.
Un xurado, composto por un mínimo de tres e un máximo de cinco persoas, será o encargado de valorar aspectos como a innovación, a orixinalidade, a calidade técnica, a estética da peza e a complexidade da súa execución.
O concurso de cantería é un dos principais atractivos dunha programación que tamén inclúe a degustación de callos e postos de artesanía. Ademais, haberá un campionato galego de andadura, actuacións musicais e un espectáculo de maxia familiar.
Dende o Concello de Guitiriz sinalan que se traballa na inclusión doutras actividades que completarán "unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo e cultural do municipio".




