O Concello de Guitiriz viuse na obriga de clausurar a piscina municipal na xornada deste martes despois de atopar "a presenza de restos fecais humanos no vaso da piscina".
Este achado obriga a "suspender o baño de xeito inmediato por motivos de saúde pública e hixiene", segundo se advirte nun comunicado difundido polo consistorio. Explicaron que o servizo de mantemento levará a cabo "un tratamento de choque con cloro" para solucionar a situación e "garantir a salubridade da auga".
Os operarios municipais detectaron os restos fecais en varios puntos mentres realizaban as tarefas habituais de limpeza, que se fan tanto cun robot como de forma manual, ao deter o circuíto que mantén a auga en circulación continua. Procederon entón a estudar as posibles solucións, xa que é a primeira vez que ocorría algo así.
Debido ao tratamento intensivo con cloro, os seus niveis superan os permitidos para o uso, polo que é necesario agardar a que se estabilicen antes de reabrir. Ao non poder estimar o tempo necesario, dende o goberno local tampouco puideron precisar se o mércores se poderá retomar a actividade con normalidade.
O Concello pide desculpas polas molestias ocasionadas aos usuarios e comunica que informará da reapertura "en canto teñamos a seguridade de poder retomar o servizo".
Aproveitan ademais para pedir "a máxima colaboración de todos e todas para facer un uso cívico e responsable das nosas instalacións", xa que este tipo de incidentes "obrigan a interromper o servizo de inmediato, esixen adoptar urxentemente medidas extraordinarias de limpeza e supoñen unha enorme molestia para as persoas usuarias".




