O proxecto busca facilitar o acceso aos libros e recursos da biblioteca a persoas que poidan ter dificultades para desprazarse á súa sede habitual, promovendo unha lectura máis próxima e igualitaria.
O nome “Rapetando historias” vincula a iniciativa coa identidade cultural e mariñeira de Cedeira, usando a metáfora da "rapeta" (arte de pesca) para representar o esforzo colectivo, a colaboración e a unión na tarefa de compartir historias e memoria local.
Esta iniciativa tamén busca recoñecer o valor das persoas maiores como transmisoras de coñecementos e tradicións, facilitando o seu acceso á cultura e poñendo en valor a súa memoria como parte esencial do patrimonio colectivo.
O novo punto lector representa un avance cara a unha biblioteca máis aberta e accesible, capaz de adaptarse ás necesidades da cidadanía e de estar presente onde máis se precisa, creando comunidade e garantindo o acceso á cultura para todas as persoas.




