A Xunta de Galicia e o Concello de Cospeito formalizarán proximamente un acordo de colaboración para a realización de obras de mellora no centro de día Vila de Valverde. A Administración autonómica achegará preto de 40.000 euros para financiar estas actuacións, que se prevé executar durante o verán.
O anuncio fíxoo o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, durante a celebración do 15 aniversario do servizo. Este centro, que forma parte da rede pública galega, atende diariamente a uns 40 usuarios procedentes de Cospeito e municipios próximos.
Rodríguez, acompañado polo alcalde, Armando Castosa, e os concelleiros María José Paredes e Iván Méndez, subliñou a importancia da cooperación institucional para garantir o acceso das persoas maiores a servizos de calidade. "A obriga das administracións é dar os medios necesarios para que teñades a atención que precisades", afirmou, enmarcando as obras no plan de mellora continua dos equipamentos do Consorcio.
“"As persoas son o que fan deste centro de día un referente non só no concello, senón na comarca e ata na provincia."
O alcalde, Armando Castosa, tamén destacou o valor do persoal do centro, sinalando que "as persoas son o que fan deste centro de día un referente non só no concello, senón na comarca e ata na provincia". A celebración do 15 aniversario incluíu diversas actividades ao longo da semana, como un encontro interxeracional co colexio local e unha festa final con música e comida para as familias.




